PRESENTACIÓN
Desde o Comité Organizador e o Comité Científico queremos transmitir que é unha honra e un motivo de ilusión organizar o VIII Congreso de AGEFEC, estreándose por primeira vez na cidade da Coruña.
A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria, é unha asociación científica e profesional, fundada en 2007 sen ánimo de lucro, que vela polo adecuado desenvolvemento da Enfermaría Familiar e Comunitaria en Galicia.
Aproveitando que celebramos o noso Congreso na cidade da Coruña quixemos facer un recoñecemento a algunhas das mulleres que formaron parte do desenvolvemento da nosa profesión e que son representativas da cidade. Por iso, cada unha das mesas leva o seu nome e son o eixo central do congreso, xa que abordan as catro esferas da enfermería: Xestión, Asistencial, Docencia e Investigación.
Juana de Vega designa a nosa mesa de Xestión, polo seu gran labor na dirección e o mantemento do hospital provisional que se creou entre 1853-1854 pola crise da epidemia do cólera; tamén polos seus esforzos en propoñer o Hospital psiquiátrico de Conxo, creado tras a súa morte e pola presidencia local da Cruz Vermella.
Isabel Zendal é a nosa mesa Asistencial, xa que foi a enfermeira encargada de poñer en marcha o sistema de Xuntas de Vacinación na Operación Balmis, encargándose dos 22 nenos expósitos que eran portadores da vacina fronte ás Vexigas cara a América e posteriormente cara a Filipinas.
María Barbeito e Concepción Arenal forman a nosa mesa de Docencia e Investigación. María foi unha pedagoga, socióloga, escritora e tradutora que se centrou na infancia, creando numerosas institucións asistenciais para a educación, como as Colonias Escolares para Nenos Pretuberculosos. Firme defensora dos dereitos das mulleres traballou na emancipación social, cultural e profesional, xa que defendía a capacidade das mulleres para o goce de todos os dereitos sen distincións.
Concepción Arenal, desenvolveu parte da súa vida na cidade da Coruña, realizando un labor de investigación e denuncia da situación de abuso tanto en hospicios como nos cárceres femininos, nomeada por iso como A primeira Visitadora de Prisións de Mulleres. Tamén reivindicou a capacidade intelectual da muller e o seu dereito para recibir unha educación para desempeñar calquera profesión en condicións iguais ás dos homes.
Sen elas, a nosa profesión non tería o recoñecemento que ten hoxe en día. Queremos destacar que é para nós fundamental todo o apoio e o traballo en equipo que realizamos no noso día a día e que reflicte un aumento da calidade e a continuidade asistencial dos/as pacientes, que é o que realmente importa.
Con este fin como visión central e esperando que este congreso sexa un punto de encontro para todas as enfermeiras/os de Atención Primaria e coa misión de aumentar os coñecementos e inquietudes no plano asistencial, de xestión, docencia e investigación, desde AGEFEC convidámosvos a participar neste VIII Congreso da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria que se celebrará o 8 e 9 de novembro de 2024.
Un cordial saúdo.
Comité Organizador e Comité Científico